Serán’03. III Encontro Galego de Cultura Popular – Baile e música tradicional

Do 10-12 de xuño comeza o Serán 03 na Cidade da Cultura de Galicia e estaremos presentes no espazo feira co noso expositor de información.

Podes consultar o programa aquí:

Serán’03. III Encontro Galego de Cultura Popular – Baile e música tradicional: pandeireteiras | Cidade da Cultura

Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e a consolidación do seu proxecto empresarial, contribuíndo a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.

3. Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa no caso de finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que o precisen para apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes, e segundo o disposto nesta orde.

4. As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo concilia I).

5. Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo concilia II).

6. Igualmente, apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022 (bono autónomo para o servizo do coidado de menores e bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes).

7. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2022.

Prazo

Prazo de presentación: ABERTO

03/02/2022 – 02/03/2022

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Toda a información e documentación:

En A ou en B? Xornada sobre a realidade da profesión docente na música e baile tradicionais

  • Consta de dúas mesas de debate sobre profesionalidade e fiscalidade e arredor das problemáticas e funcións das partes implicadas nas asociacións culturais.
  • Oriéntase a entidades, mestres e alumnado das disciplinas ligadas á transmisión da tradición.
  • Terá lugar o domingo 6 de febreiro desde as 10h. no local da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo).
Cartaz da Xornada

A Asociación do Ensino Profesional da Música e Baile Tradicional (AEPMBT) convoca para o domingo 6 de febreiro a xornada “En A ou en B. As problemáticas no ensino profesional da música e o baile tradicionais”. O encontro tratará a realidade laboral, fiscal e asociativa no sector.

Desde a asociación preténdese así poñer en común as eivas que se veñen tendo na profesionalización do sector, así como as experiencias positivas e negativas arredor do labor das asociacións culturais, os socios e alumnos e os propios traballadores. En todos eles establecerase un diálogo abertocos asistentes para resolución de dúbidas e achegas ao debate.

O evento terá lugar no local da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo) desde as 10h., dando remate ás 13.30h. A asistencia será libre ata completar aforo, aínda que debido á situación sanitaria requírese inscrición previa para asegurar o cumprimento das restricións vixentes no momento da celebración. Para confirmar a presenza deberá enviarse confirmación ao correo electrónico da asociación, asoc.prof.trad@gmail.com.

A primeira mesa celebrará ás 10.00h despois da presentación das xornadas por parte da presidenta da AEPMBT, Rebeca Tallón e dos participantes e moderadores das mesas por parte de Emilio Lois e Manuel Cruces, membros da directiva. Baixo o epígrafe “Profesionalidade e fiscalidade”, tomarán a palabra Serxio Martínez e Alfonso Landeira, asesores fiscais, Javier Blanco, xestor cultural, e Mónica González, con experiencia como concelleira de cultura.

Despois dun breve descanso tocará tratar as Problemáticas e funcións de cada unha das partes implicadas nas asociacións culturais”. Nesta mesa participarán Iván García, animador sociocultural en entidade municipal, Montse Rivera, mestra en distintas asociacións, José Antonio Vieites, como alumno, e Xosé Covelo, como presidente de asociación cultural.

Promoción do emprego autónomo

A quen vai dirixido?

Aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

Prazo

Prazo de presentación: ABERTO

31/12/2021 – 30/09/2022

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo contarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, cumprindo polo tanto o prazo mínimo dun mes establecido no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Toda a información e documentación:

Subvencións á produción fonográfica

A quen vai dirixido?

Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas (autónomas) ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción e promoción de actividades musicais, que se atopen dadas de alta no IAE de produción ou edición discográfica e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación: Do 08/10/2021 – 08/11/2021

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Toda a información e documentación:

Prensa

«La Voz de Galicia» e tamén «Faro de Vigo» recollían a preocupación e demandas transmitidas dende a AEPMBT para o comezo do curso pola restrición vixente na realización de actividades grupais nos centros sociocomunitarios.

Reclamamos un protocolo que garanta o comezo efectivo do curso nos centros sociais.
A última revisión na situación relativa aos centros cívicos e sociocomunitarios (nos cales se desenvolve de xeito moi importante o ensino da música e baile tradicional) insiste nunhas restricións grupais de seis participantes máis monitor. Esta limitación non ten en conta a situación actual na que máis do 75% da poboación conta coa pauta completa da vacina, e mesmo se contradí con medidas máis flexibles que hai noutros sectores económicos.

Reiteramos a necesidade de construír un espazo de diálogo coas autoridades competentes na materia, onde se poda resolver a situación que afecta ao sector do ensino da música e o baile tradicionais establecendo unhas normas axustadas ás nosas necesidades.


¿Otro curso en blanco para los que aprenden música y baile tradicional? (lavozdegalicia.es)

Profesionales de la música y el baile gallego reclaman más aforo para sus clases – Faro de Vig

A Asociación do Ensino Profesional da Música e Baile Tradicional reclama un protocolo que garanta o comezo efectivo do curso nos centros sociais


• A AEPMBT denuncia que a Xunta mantén a limitación de seis participantes
máis monitor nos espazos públicos, o cal fai inviable retomar a actividade en
moitas agrupacións.
• O incremento do 50 ao 75% de capacidade total dos centros non ten repercusión
algunha na impartición das clases.
• As medidas que databan do DOG do 25 de xuño baseábanse nun contexto de
dun 40% de poboación vacinada, respecto ao preto de 80% actual.


Perante a recente publicación do DOG n.º 175-Bis, que modifica as medidas sanitarias contra a COVID-19, a Asociación de Ensinantes Profesionais da Música e o Baile Tradicional (AEPMBT) denuncia a omisión das necesidades dos profesionais do sector para poder impartir aulas de xeito efectivo á totalidade do alumnado.


A pesar dos cambios na situación da pandemia, facilitados polo alcance da campaña de vacinación, a última revisión na situación relativa aos centros cívicos e sociocomunitarios, nos cales se desenvolve de xeito moi importante o ensino da música e baile tradicional, insiste no punto 4.4 nunhas restricións grupais de seis participantes máis monitor. Esta limitación non ten en conta a realidade actual e mesmo se contradí con medidas máis flexibles que hai noutros sectores económicos.
Cómpre lembrar que as restricións da orde que regula a situación a día 10 de setembro son case idénticas ás do 25 de xuño, cando a número de persoas coa pauta completa da vacina contra a COVID-19 superaba apenas o 40% e viña de comezar a vacinación da faixa de 40 a 30 anos, cando na actualidade se supera o 75% coa pauta completa.


Desde a Asociación do Ensino Profesional trasladámoslle aos responsables da Consellería de Sanidade a nosa preocupación por unhas normas arbitrarias e que tenden á simplificación do tipo de actividades que se realizan no vasto tecido de centros socioculturais. Non se teñen en conta as medidas sanitarias que se viñeron tomando, a nula incidencia de contaxios producidos nos que permaneceron abertos.
Por outra parte, a AEPMBT reclama que se teña en conta as necesidades do noso ámbito en próximas revisións como xa se fai con outras disciplinas artísticas ou outras vertentes das mesmas actividades e sen establecer como elemento vertebrador o tipo de local no que se realiza.


Desde a Asociación cremos que é necesario construír un espazo de diálogo coas autoridades competentes en materia de saúde pública onde se poda resolver a situación que afecta a grande parte das entidades dedicadas ao ensino e transmisións da nosa cultura tradicional.
Esta circunstancia é unha eiva máis que se suma ás que xa existen e que determinaron a creación da AEPMBT para a loita por unha efectiva profesionalización do sector.

I Reunión presencial da AEPMBT

O pasado 6 de xullo tivo lugar a primeira a reunión presencial da Asociación do Ensino Profesional da Música e Baile Tradicional.

A ela asistiron tanto a directiva da Asociación coma persoas interesadas no desenvolvemento da entidade, que abre desde este momento a inscrición de novos socios.

Ademais da presentación e mostra das ferramentas comunicativas, estableceuse un diálogo sobre o estado das distintas disciplinas incluídas no obxecto social de cara a establecer liñas de traballo específicas e xerais arredor do ensino das mesmas.

Na sección Arquivos está xa dispoñible a folla de inscrición da Asociación.

Convocatoria primeira reunión presencial

O próximo día 6 de xullo, martes, realizaremos a primeira reunión presencial da Asociación do Ensino Profesional da Música e o Baile Tradicional (AEPMBT).
Celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo – A Coruña)
ás 11 horas e nel imos facer a presentación da asociación, avanzar as bases do proxecto, recoller as vosas propostas e comezar o proceso de inscrición dos membros.

Temas para tratar:

  • Proceso de constitución.
  • Presentación da web e ferramentas de comunicación (RRSS).
  • Estatutos e funcións da Asociación.
  • Establecemento de cotas.
  • Propostas para a Asociación – Feedback.

Contaremos coa presenza do xestor da asociación para responder a todas as preguntas que podan referirse a cuestións administrativas.

A reunión está dirixida a todos aqueles profesionais do ensino das distintas disciplinas musicais e de baile, tanto de Galicia coma do exterior, que exerzan a actividade de xeito legal.

Debido ao protocolo COVID e por razóns operativas, é necesario anotarse a través do correo electrónico (asoc.prof.trad@gmail.com) incluíndo nome, teléfono e DNI.

Localización
Auditorio do Centro Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras – Teo