• A AEPMBT denuncia que a Xunta mantén a limitación de seis participantes
máis monitor nos espazos públicos, o cal fai inviable retomar a actividade en
moitas agrupacións.
• O incremento do 50 ao 75% de capacidade total dos centros non ten repercusión
algunha na impartición das clases.
• As medidas que databan do DOG do 25 de xuño baseábanse nun contexto de
dun 40% de poboación vacinada, respecto ao preto de 80% actual.
Perante a recente publicación do DOG n.º 175-Bis, que modifica as medidas sanitarias contra a COVID-19, a Asociación de Ensinantes Profesionais da Música e o Baile Tradicional (AEPMBT) denuncia a omisión das necesidades dos profesionais do sector para poder impartir aulas de xeito efectivo á totalidade do alumnado.
A pesar dos cambios na situación da pandemia, facilitados polo alcance da campaña de vacinación, a última revisión na situación relativa aos centros cívicos e sociocomunitarios, nos cales se desenvolve de xeito moi importante o ensino da música e baile tradicional, insiste no punto 4.4 nunhas restricións grupais de seis participantes máis monitor. Esta limitación non ten en conta a realidade actual e mesmo se contradí con medidas máis flexibles que hai noutros sectores económicos.
Cómpre lembrar que as restricións da orde que regula a situación a día 10 de setembro son case idénticas ás do 25 de xuño, cando a número de persoas coa pauta completa da vacina contra a COVID-19 superaba apenas o 40% e viña de comezar a vacinación da faixa de 40 a 30 anos, cando na actualidade se supera o 75% coa pauta completa.
Desde a Asociación do Ensino Profesional trasladámoslle aos responsables da Consellería de Sanidade a nosa preocupación por unhas normas arbitrarias e que tenden á simplificación do tipo de actividades que se realizan no vasto tecido de centros socioculturais. Non se teñen en conta as medidas sanitarias que se viñeron tomando, a nula incidencia de contaxios producidos nos que permaneceron abertos.
Por outra parte, a AEPMBT reclama que se teña en conta as necesidades do noso ámbito en próximas revisións como xa se fai con outras disciplinas artísticas ou outras vertentes das mesmas actividades e sen establecer como elemento vertebrador o tipo de local no que se realiza.
Desde a Asociación cremos que é necesario construír un espazo de diálogo coas autoridades competentes en materia de saúde pública onde se poda resolver a situación que afecta a grande parte das entidades dedicadas ao ensino e transmisións da nosa cultura tradicional.
Esta circunstancia é unha eiva máis que se suma ás que xa existen e que determinaron a creación da AEPMBT para a loita por unha efectiva profesionalización do sector.
