Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e a consolidación do seu proxecto empresarial, contribuíndo a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.

3. Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa no caso de finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que o precisen para apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes, e segundo o disposto nesta orde.

4. As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo concilia I).

5. Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo concilia II).

6. Igualmente, apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022 (bono autónomo para o servizo do coidado de menores e bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes).

7. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2022.

Prazo

Prazo de presentación: ABERTO

03/02/2022 – 02/03/2022

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Toda a información e documentación:

Deja un comentario