
Presentación:
Créase unha asociación para a profesionalización e dignificación do colectivo de ensinantes de música e baile tradicional.
- A organización nace co obxectivo de promover e axudar na regularización do sector, tanto desde o punto de vista das entidades contratantes como dos propios profesionais.
- Proponse analizar o estado actual desta actividade, visibilizala e corrixir distintas disfuncionalidades tanto no ensino coma na relación entre entidades, mestres e alumnos.
- O asesoramento en temas de fiscalidade, a axuda á adaptación da didáctica e a metodoloxía e a inserción da cultura tradicional no ensino regrado son os obxectivos principais da asociación.
[Santiago de Compostela, 21-04-2021 A Asociación do Ensino Profesional da Música e o BaileTradicional constituíuse nunha asemblea o pasado 19 de abril.
Nace da iniciativa dun amplo grupo de docentes das distintas disciplinas musicais instrumentais, danza e canto ligadas á tradición galega.
A entidade confórmase co obxectivo principal de conducir o sector cara a súa profesionalización efectiva. Isto, en palabras da súa presidenta Rebeca Tallón, vai desde “un cambio xeneralizado nas condicións laborais dos traballadores e un recoñecemento do corpo docente por parte das institucións locais e supramunicipais” a un diálogo entre a propia comunidade de mestres, “poñendo en común ferramentas de ensino e necesidades comúns á hora de transmitir os coñecementos ao alumnado”.
As primeiras accións da asociación irán encamiñadas a promocionala entre os ensinantes para ampliar a base da nova entidade. Paralelamente prepararanse conferencias sobre fiscalidade na profesión e recompilación de información sobre a situación actual. “Non ter unha visión actualizada de cantos ensinamos e canta xente se forma nas asociacións e escolas do país, que se contan por centos, fai que non teñamos nin voz nin forza para afrontar situacións como a actual pola Covid”,
Xunto con Rebeca Tallón tamén forman parte da directiva Luis Prego como vicepresidente, Manuel Cruces como secretario, David Canto como tesoureiro e Cris Canosa, Pablo Seoane, Emilio Lois e Gonzalo Abelairas como vogais, asegurando así a representación dos diferentes territorios do país.