SOCI@S

Co propósito principal de profesionalizar o sector da música e baile tradicional de Galicia, un grupo de persoas que desenvolvemos a nosa actividade laboral neste ámbito, decidimos dar o primeiro paso e constituír unha asociación dende a cal aglutinar a toda a nosa comunidade .
Esta funcionaría como figura de xestión e acompañamento no proceso de profesionalización do noso sector.

Baixo o nome de ASOCIACIÓN DO ENSINO PROFESIONAL DA MÚSICA E BAILE TRADICIONAL e con data do 22 de marzo de 2021, nace esta figura, tendo como fins principais:

1.A creación dun colectivo que acolla a todas aquelas persoas que se dedican profesionalmente ao ensino da música e o baile tradicional galego.
O concepto “dedicación profesional” engloba a todo aquel traballador/a por conta propia ou allea, que realiza de forma habitual, persoal e directa, unha actividade formativa de carácter lucrativo. Enténdese por música e baile tradicional calquera manifestación de folclore nestes ámbitos que historicamente se ven dando en Galicia e se mantén hoxe en día.
2.Dende a asociación non se entra a valorar titulacións nin outras cuestións persoais, senón que o punto de partida é a legalidade fiscal e laboral da actividade dos asociados/as.
3.A promoción e regulación laboral da profesionalidade do sector.
4.Informar a calquera organismo, asociación ou colectivo que precise dos servizos dun mestre de música e/ou baile tradicional das vantaxes que ten contar cun profesional que preste estes servizos de forma regular dende o punto de vista fiscal e laboral.
5.O asesoramento para as asociacións no referente á contratación de mestres proporcionando toda a información posible en canto a seguros dos traballadores, posibles substitucións por baixa dos mesmos, subvencións, axudas, etc., co fin de axilizar e facilitar as devanditas contratacións.
6.O fomento e a creación dun “Fondo Didáctico”. Este incluirá unha proposta de metodoloxía, partituras e recollidas, entre outras seccións. O material será achegado voluntariamente polos socios que o desexen e terá como propósito as seguintes finalidades:

a)Proporcionar material de traballo ao resto dos socios ensinantes.
b)Definir a partir destes fondos diferentes liñas de traballo en común baixo un punto de partida de acordo de “mínimos”.
c)Realizar charlas, coloquios, xuntanzas e cursos, á vez que publicacións (en soporte dixital ou en papel), que sirvan de axuda a profesionais da actividade como ferramentas orientadoras de traballo.
7.A creación dun colectivo de profesionais que poidan substituír, en caso de baixa por enfermidade ou calquera outra eventualidade (vacacións, actuacións, etc.), a outro membro da Asociación.

Esta asociación está dirixida por unha primeira directiva, que agora nos poñemos en contacto con todas aquelas persoas/entidades que se atopan desenvolvendo a súa actividade profesional dentro do ámbito descrito.
Invitámosvos a asociarvos e sumar neste proxecto, que creemos que é moi necesario botar a andar.

SOCIAS e SOCIOS
Para facerse socio ou socia é necesario cumprir unha serie de requisitos:

1.Será requisito imprescindible estar de alta no RETA (Réxime Especial de Traballadores Autónomos) ou contratado por conta allea, situación que se xustificará co recibo bancario de pago da cota de autónomos, contrato laboral, vida laboral, alta na Seguridade Social da actividade que esta Asociación defende (ensino da música e o baile tradicionais galegos).
2.As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipados con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito.
3.Os menores de máis de 14 anos non emancipados necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade. As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional o acordo do seu órgano reitor. Unha vez que formedes parte da asociación pasaredes a ter unha serie de dereitos e de obrigas, que vos instamos
a cumprir.

Dereitos:

1.Os socios de número e fundadores teñen os seguintes dereitos:

a)Participar nas actividades da asociación.
b)Ser electores e elixibles para os cargos dos órganos de goberno.
c)Participar nas Asembleas con voz e voto.
d)Recibir información da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
e)Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.
f)Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
g)Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos estatutos.

2.Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais.

3.Os socios de honra terán os mesmos dereitos a excepción dos que figuran nos apartados b), d), e) e g) do artigo 10, podendo asistir ás asembleas sen dereito a voto.

Obrigas:

a)Cumprir os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
b)Pagar as cotas de asociado. Estas serán mensuais e do importe que acorde a Asemblea Xeral.
c)Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para os que foron elixidas.
d)Asistir ás asembleas e demais actos organizados pola asociación. Unha vez revisados e cumpridos os requisitos de acceso, a alta como socio ou socia levarase a cabo mediante o cubrimento da folla de inscrición que axuntamos a esta mensaxe, ou que podedes obter en formato papel poñéndovos en contacto con nós asoc.prof.trad@gmail.com


Dende a directiva animámosvos a subirvos ao carro e estaremos moi contentos de contestar calquera dúbida ou achega que teñades.

Atentamente,
Directiva AEPMBT